O Concello
O concello da Moi Leal Vila do Rosal –título este de Vila que lle foi concedido polo rei Alfonso XII en 1879- está situado ao suroeste de Galicia, na provincia de Pontevedra. Pertence á comarca do Baixo Miño, limitando polo Norte co concello de Oia; ao Sur con A Guarda e o río Miño; polo Leste con Tomiño e ao Oeste co océano Atlántico (tendo 3 km de costa). Conta cunha extensión de 41’2 km2 e unha poboación de preto de 6500 habitantes. A súa principal canle fluvial é o río Tamuxe ou Carballas, que nace nos montes da Groba e desemboca no Pai Miño. Os seus montes principais son O Torroso, O Campo do Couto, A Valga, O Lousado e As Bornas. Está integrado por catro parroquias: Santa Mariña do Rosal, San Miguel deTabagón, San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras.

HISTORIA

No concello atópanse vestixios do Paleolítico e do Neolítico, sobre todo na parroquia de Eiras. Tamén existen restos da Cultura Megalítica na Valga. En canto á Cultura do Bronce e o Arte Rupestre existen máis de 20 estacións. Da Cultura Castrexa podemos enumerar -entre outros- os Castros de Parada, do Picón, de Martín, da Magdalena, do Pombal ou os Castros de Francia. En canto á romanización, sobresaen a vila romano-visigótica de San Vicente de Marzán e o castro do Pombal, en Tabagón. As primeiras referencias escritas en canto a O Rosal, como parroquia, datan de 1137, a propósito da doazón que o rei Alfonso VII e a súa muller Dona Berenguela fan da igrexa do Rosal ao mosteiro de Santa María a Real de Oia.
Característico do Rosal son as chamadas xuradías. Segundo o historiador guardés Domínguez Fontela, esta clase de división remóntase á Idade Media. Só coñecemos documentación que alude á elección de xurados no século XVII. A parroquia de Santa Mariña atópase dividida en catro xuradías: Ferreiros, Fornelos, Novás e Marzán. Dende 1847 O Rosal é concello independente ao emanciparse de A Guarda.

